Sunday 19 de May de 2024

Preto de 600 persoas participarán na Cabalgata de Reis na Coruña


Aos 235 nenos e nenas que participarán como figurantes súmanse un total de 363 persoas no dispositivo loxístico e de seguridade, das que 31 son voluntarias

Os menores que participen como figurantes na Cabalgata deberán achegarse mañá, xoves 4 de xaneiro, ao Coliseum para recoller a documentación e o traxe

Preto de 600 persoas participarán este nadal na Cabalgata de Reis, prevista para este venres 5 de xaneiro ás 18.00 horas. A comitiva, formada por 14 carrozas, 5 trens e 17 compañías artísticas e de animación, sairá do Barrio das Flores, fronte do CEIP Ramón de la Sagra, e rematará como cada ano na praza de María Pita co saúdo das súas maxestades, en torno ás 21.15.

Aos 235 nenos e nenas que participarán como figurantes nas carrozas da Cabalgata súmanse un total 362 persoas que forman o dispositivo loxístico e de seguridade. O Concello conta con 231 persoas para traballos de carácter técnico e loxístico, tanto nos puntos accesibles e sin ruido así como de monitorado dos nenos e nenas figurantes. En canto aos equipos de seguridade, o dispositivo conta cun cento de persoas entre bombeiros, policía local e asistencia médica. Ademais, participarán un total de 31 persoas voluntarias para o apoio no desenvolvemento da Cabalgata.

A comitiva estará encabezada por dous trens seguidos dunha carroza coa Torre de Hércules con motivo do 15 aniversario da declaración como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. O faro actúa así como símil da estrela que guía aos Reis Magos ate a praza de María Pita. A ela uniranse unha carroza cunha casiña con bastóns de caramelo e outras tres carrozas cos regalos dos Reis Magos para os nenos e nenas, cos seus camellos. Por último, as carrozas de cada Rei estarán compostas por un trono e baúles cheos de ouro, incienso e mirra, de acordo coa tradición.

Das 14 carrozas que participarán no percorrido, oito serán municipais e cinco procedentes de patrocinadores que un ano máis volven sumarse a esta cita tan especial, así como Bombeiros da Coruña, que pechará a comitiva. A compañía Manicómicos e a Asociación ENKI conforman a animación principal da Cabalgata, xunto con 17 compañías artísticas que achegarán música e espectáculo durante todo o percorrido. En total, está previsto o lanzamento de máis de 10.000 quilos de caramelos.

Figuración da Cabalgata de Reis Magos

De acordo co procedemento de selección, mediante sorteo, para as prazas de figurante na Cabalgata de Reis Magos 2024 participarán un total de 235 nenos e nenas da Coruña. As familias dos menores aos que lle fora adxudicada a praza conforme a listaxe publicada o pasado 29 de decembro e visible aquí, deberán achegarse mañá, xoves 4 de xaneiro, ao Coliseum. Alí recibirán un documento coas instrucións así como o disfraz deste ano, composto por un turbante e unha capa de cor dourada. Tamén se lles fará entrega dun chubasqueiro.

Á súa chegada á praza de María Pita, os nenos e nenas gozarán dun chocolate con churros ofrecido por Bonilla a la Vista.

Percorrido da Cabalgata de Reis Magos 2024

A Cabalgata de Reis 2024 partirá do Barrio das Flores con saída na rolda Camilo José Cela, fronte ao CEIP Ramón de la Sagra, ás 18.00 horas cara a avenida de Monelos. O percorrido continúa por Alcalde Pérez Ardá ata a travesía de Fernández Latorre seguindo cara Catro Camiños e A Palloza para chegar á praza de Ourense por Linares Rivas. Despois continuará polos Cantóns e a avenida da Mariña ata Porta Real, rematando a cabeza da cabalgata aproximadamente ás 20.30 h na praza de María Pita. Ás 21.15, aproximadamente, os Reis Magos saudarán desde o Palacio Municipal a todos os nenos e nenas presentes na praza.

Ademais, o Goberno de Inés Rey pon a disposición, novamente, catro puntos accesibles e dous puntos sen ruído. Os puntos sen ruído estarán instalados no cruzamento da rolda de Outeiro e Alcalde Pérez Ardá, e no Teatro Colón, no interior do equipamento. Todos eles serán atendidos por persoal de organización da Cabalgata.

Os puntos accesibles estarán localizados na rúa alcalde Pérez Ardá, fronte á estación de autobuses, na praza de Ourense na zona do Quiosco; fronte á parada do autobús no número 21 da Mariña, fronte á subdelegación do Goberno e, finalmente, na praza de María Pita, na zona lateral próxima á rúa Troncoso. Nestes catro puntos estarán ademais situados catro puntos de atención sanitaria e Primeiros Auxilios da man de Cruz Vermella. O situado en Pérez Ardá trasladarase a María Pita unha vez pase a cola do desfile co obxectivo de garantir a seguridade na praza.